Patrimonio

Martín Códax regresa a casa

Silvia Pérez VidalPor Silvia Pérez Vidal, 1º de Bacharelato. Despois de moitos esforzos para conseguir que o Pergamiño Vindel chegase a terras galegas, por fin o temos de volta na súa cidade natal, Vigo, onde ficará durante unha exposición ata o 4 de marzo.

Un misterioso transporte e elevada seguridade

O 26 de setembro, o manuscrito Vindel  chegou a Vigo, acompañado de moitas medidas de seguridade. Transportouse, da Morgan Library Museum de Nova York, encerrado nunha caixa vermella hermética, no interior dunha furgoneta baixo a vixilancia de Frank Trujillo, un conservador da Morgan Library. Os detalles destas medidas de desprazamento e a chegada a Vigo están envoltas en certo misterio, xa que esta institución neoiorquina, que foi a propietaria do pergamiño dende fai 40 anos, aplicou uns rigorosos requisitos de seguridade e conservación da peza.

Para a súa exhibición, tamén se toman medidas de seguridade. Atópase nunha urna climatizada deseñada especialmente para esa recepción.  Esta caixa situase nunha sala, construída especialmente para iso, cun sistema para medir a iluminación, a temperatura e a humidade, para garantir a súa conservación.

Vindel 1Todo un luxo expoñelo

Canto á exposición do manuscrito, estará comisariada por Francisco Singul, un historiador galego e doutor de Historia da Arte. Xunto estas sete cantigas do século XIX, haberá unha ampla exposición doutras  pezas do século XII ao XV. Protagoniza, no Museo do Mar de Galicia, a exposición ‘Un tesouro en sete cantigas’.

Un documento con moita historia

O Pergamiño Vindel, é o manuscrito do século XIII que recolle as cantigas de amigo do trobador galego Martín Códax.

O texto, estivo desaparecido ata que, en 1914, o comerciante de libros antigos Pedro Vindel, quen lle deu nome ao pergamiño, atopouno na súa librería. Vindel publicou varias reproducións, ata que vendeu o documento. A obra pasou por distintas persoas, ata o libreiro Albi Rosenthal, quen, posteriormente, llo vendeu á Morgan Library de Nova York, onde se conserva dende 1977.

Unha obra mestra

Canto á obra, é un pergamiño de finais do século XIII que contén sete cantigas de amigo de Martín Códax, seis delas con notación musical. Son cancións profanas, na voz dunha muller que, á beira da ría de Vigo, sofre polo seu amante, que está ausente. O texto foi escrito, por unha soa cara, en tinta negra e os pentagramas en tinta vermella. O nome do trobador aparece na parte superior do pergamiño, en vermello.

Elevada importancia

A relevancia do pergamiño de Vindel, reside en que seis das composicións están acompañadas de notación musical. Son as únicas mostras atopadas da canción profana galaico-portuguesa do século XIII, xunto coas de Don Dinís (rei de Portugal).

“Está considerada como a clave das orixes da poesía vernácula e a música non relixiosa na península”, apunta a Morgan Library.

Vindel 2O conselleiro de Cultura Román Rodríguez recalcou «Simplemente tendo en conta o lugar no que está depositado, compartindo protagonismo con pezas fundamentais da cultura universal, como partituras de Mozart, fainos ser conscientes da importancia que ten este pergamiño non só para Galicia, senón para o conxunto da cultura europea e mundial». Será exposto para que “a maior parte posible dos galegos poida coñecer unha parte fundamental da nosa historia e da nosa lingua”.

En definitiva, Vigo está alegre de poder acoller estes meses o valioso Pergamiño Vindel, que volve á súa terra natal e traerá moitas axudas para a cidade; ademais, poderá conseguir que todos coñezan por fin o valioso documento. Como di Román Rodríguez, este manuscrito é «unha das grandes xoias culturais e patrimoniais de Galicia».

 

Etiquetas

Artigos relacionados

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Procurar tamén

Close
Close
Close