Concursos

O IES de Valga clasificouse para a fase final do Concurso Odisea

Participaron máis de douscentos equipos de todo o territorio galego

O concurso Odisea sobre coñecementos de Cultura Clásica rematou a súa primeira fase o pasado 7 de xaneiro. Nela, o equipo representante do IES de Valga Τό μηχανόεν conseguiu alcanzar a fase final da Galiza, onde vai competir con outros trece centros este mércores no IES Aquis Celenis de Caldas de Reis.

O equipo Τό μηχανόεν (To meghanoen), formado por Lucía Fariña Potel, Pedro Ramos Pereira e Ana Isabel Villamarín Otero, que cursan Latín no grupo de 4º B da ESO, obtivo a quinta mellor puntuación nesta primeira fase. Esta circunstancia sitúao en boas condicións para optar a un dos tres postos na final galega, para poder participar no ámbito estatal do concurso.

Trátase da cuarta edición deste concurso, que leva este ano o título de “A ciencia e a tecnoloxía en Grecia e en Roma”. Está organizado pola Sección Galega da Sociedad Española de Estudios Clásicos. Nesta primeira fase participaron douscentos cincuenta e dous equipos, dato que mostra a importancia do resultado do equipo valgués.

Artigos relacionados

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Close
Close