Lecturas

Marcos Calveiro, o próximo convidado do Clube de Lectura

Vai falar da súa novela 'O xardineiro dos ingleses'

O escritor Marcos Calveiro é o próximo convidado para participar nunha sesión do Clube de Lectura do IES de Valga. Neste acto, que se vai realizar na quinta-feira (xoves), 17 de xaneiro, vai falar sobre a súa obra O xardineiro dos ingleses, publicada pola Editorial Galaxia, unha enigmática novela ambientada na Vilagarcía de Arousa de comezos do século XX.

Marcos Calveiro

Marcos Calveiro é un avogado, hostaleiro e escritor nado en Vilagarcía de Arousa (1968) e residente en Vigo. Comezou a publicar de forma serodia, con máis de 35 anos, e fíxoo inicialmente no eido da literatura infantil e xuvenil. Tamén ten escrito poesía e, en 2008 publicou a súa primeira novela dirixida a un público adulto, Festina lente. En decembro de 2009 gañou o premio Lazarillo coa novela xuvenil O pintor do sombreiro de malvas, e en 2015 o IX Premio Narrativa Breve Repsol con Fontán e en 2017 o premio García Barros con O xardineiro dos ingleses. Actualmente rexenta o bar Badía no barrio vigués de Teis.

O xardineiro dos ingleses

Esta novela, publicada pola Editorial Galaxia está ambientada na Vilagarcía de comezos do século XX. O destino dos mariñeiros ingleses e alemáns crúzase coas arelas de liberdade dunha moza que intenta librarse das estreitezas e ataduras da Galicia daquel tempo. Moitos anos despois, no Cemiterio dos Ingleses só fica unha tumba anónima, a número un. Alí agarda polo misterio final, o dese sartego e o seu descoñecido ocupante. O enigma que arrodea a vida de Delia Cores e do seu fillo Edelmiro, o xardineiro dos ingleses. Cunha prosa áxil, protagonistas de carne e óso, e unha trama que zigzaguea entre os principais acontecementos históricos europeos, Marcos Calveiro consegue a súa obra máis lograda, de lectura apaixonante e chea de sucesos inesperados. Unha novela sobre a busca de liberdade. Sobre a xustiza e a capacidade para enfrontarse ao fado da historia.

O Clube de Lectura

Marcos Calveiro é o segundo escritor que participa neste curso no Clube de Lectura do IES de Valga, após a visita de Inma López Silva na sesión inaugural o pasado 18 de outubro. Cúmprense os dez anos de vida deste Clube, que desenvolveu unha actividade continua de fomento da lectura desde o momento da súa creación.

O Clube de lectura quere facer un convite especial a todas as persoas da zona interesadas nas súas actividades –mesmo sen teren relación directa co centro- para formaren parte del. A única condición é ter interese e gusto pola lectura. Para este fin poden contactar co responsábel da Biblioteca, Miguel Fernández.

Etiquetas

Artigos relacionados

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Close
Close