Lecturas

Inma López Silva inaugura as actividades do Clube de Lectura

A escritora Inma López Silva é a encargada de inaugurar as actividades do Clube de Lectura do IES de Valga para o curso 2018-2019. Neste acto, que se vai realizar o xoves, 18 de outubro, vai falar sobre a súa novela Aqueles días en que eramos malas, publicada pola Editorial Galaxia, co feminismo como transfondo nunha realidade difícil e descoñecida para boa parte da poboación.

Inma López Silva
Inma López Silva é escritora e crítica teatral. Naceu en Santiago de Compostela en 1978. Na universidade da súa cidade natal licenciouse e doutorouse en Filoloxía. Diplomada en Estudos Teatrais pola Universidade da Sorbonne Nouvelle, actualmente combina a actividade literaria coa docencia na Escola Superior de Arte Dramática de Galicia, onde ensina Teorías do Teatro e desde onde desenvolve unha intensa actividade crítica que se materializa nas súas publicacións en Tempos Novos, Revista Galega de Teatro, ADE ou Grial.
É tamén columnista en La Voz de Galicia e posuidora dos premios literarios máis significativos da narrativa galega actual, é autora dunha ducia de libros e destaca coma unha das escritoras de ficción contemporánea máis aclamadas pola crítica e polo público.

Aqueles días en que eramos malas
É a novela máis ambiciosa de López Silva. Nela, unha monxa, unha prostituta, unha moza colombiana e unha funcionaria de prisións comparten o módulo de mulleres dun cárcere e viven xuntas encerro, rebelións, lembranzas e emocións. Así o relata Inma, a escritora que compartiu cela con elas e que non se resiste a vencer a súa incapacidade para escribir contando a vida de cando foron malas, unha historia que, pouco a pouco, se converte na confesión e testamento literario da autora.
Aqueles días en que eramos malas é unha obra áxil e emocionante que transita entre a traxedia e a comedia, abordando o cárcere coma un mundo descoñecido para o común da xente que, castigado nas marxes da sociedade e da vida, amosa vítimas, verdugos e, sobre todo, historias vitais fascinantes.

O Clube de Lectura
Cúmprense os dez anos de vida deste Clube, que desenvolveu unha actividade continua de fomento da lectura desde o momento da súa creación. Neste acto de inauguración, que comeza ás 16h30, tamén se vai estudar a posibilidade de pór en marcha un servizo de atención a nais e a pais e ao conxunto da cidadanía polas tardes na Biblioteca Escolar.
O Clube de lectura quere facer un convite especial a todas as persoas da zona interesadas nas súas actividades –mesmo sen teren relación directa co centro- para formaren parte del. A única condición é ter interese e gusto pola lectura. Para este fin poden contactar co responsábel da Biblioteca, Miguel Fernández.

Etiquetas

Artigos relacionados

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Close
Close